AS FESTAS DO ENTROIDO

 O Entroido é unha das festas máis celebradas en Galicia. Comeza o domingo da sesaxésima coa festa maior denominada domingo fareleiro ou borrallento. Seguen o xoves de comadres, o domingo de Entroido e o martes, día principal, no que en moitos lugares se celebra a queima do Meco que vén sendo o Entroido personificado. Neste personaxe está resumida toda a simboloxía carnavalesca, ben sexa como final dun ciclo cósmico representado no ano, ben sexa dun ciclo vexetativo, ou histórico- social, conxugando os dous anteriores. Soe rematar a festa cun “pranto” que recibe distintos nomes segundo os lugares; enterro do Ravachol en Pontevedra, enterro da sardiña en Vigo, etc..

Nesta festa hai dous aspectos que se poden salientar: o litúrxico e o festeiro. O seu significado do latín introitus, “entrada”, remítenos á liturxia, é a antesala das “ carnes tollendas”, prohibición da carne e das festas.

 As máscaras, as bromas, e a gastronomía  configuran o aspecto festeiro. As máscaras atópanse nestes días en todas as cidades, vilas e aldeas galegas. Chámanse segundo os sitios máscaras, mascaritas, entroidos, felos mecos, peliqueiros….Son soados os cigarróns ou peliqueiros de Laza, Verín, Xinzo; as charrúas en Allariz, madamitas en Cotobade, escabicheiros ou merdeiros en Vigo.

 O Entroido ten tamén unha gastronomía propia. Predomina a carne de porco e postres especiais como filloas de sangue ou as farandelas, flores fritidas, orellas de frade, etc.. Pratos principais son a cacheira e o rabo  e a sentencia di: alegría, alégrote que anda o rabo do porco no pote.

Lectura recomendada :  o segundo lance de  “Os vellos non deben de namorarse”