26 Xaneiro 2014

Club Merlín: Proxima reunión luns 27 de xaneiro.

 

 

O libro O abanico de seda narra a historia de profunda amizade entre dúas mulleres chinesas no século XIX.
 
A película Entre copas desenvolve unha historia de amizade entre dous homes americanos, no século XX.
 
A antítese esta servida. As comparacións corren pola vosa conta e os comentarios farémolos na reunión

Comentarios desactivados en Club Merlín: Proxima reunión luns 27 de xaneiro.

16 Xaneiro 2014

Club Merlín

 

O ABANO DE SEDA

 A  novela estrutúrase en tres partes: Prólogo, Corpo e  Epílogo. O corpo divídese en  catro grandes partes, cada unha delas fai referencia ás distintas idades da muller chinesa: anos de filla, anos de cabelo recollido, anos de arroz e anos de recollemento.

Relata as condicións de vida da muller chinesa  no século XIX. Pode ser unha novela costumista: a roupa, os peiteados a gastronomía, as ofrendas. O tema é durísimo, como era a vida das mulleres,  pero está tratado  con grande sensibilidade,  cargado de poesía e simbolismo.

A protagonista narra, dende a idade de 80 anos, as súas vivencias de nena e adulta. Móstranos a marxinación da muller. As mulleres non son queridas ao nacer, casan con quen  decide a familia. Non reciben cariño nin das súas nais nin das súas sogras. A busca constante de afecto e amor marcará o personaxe nesta triste historia. (Sorprende que  nunha sociedade machista, sexan as mulleres de máis idade, nai e sogra, as que exercen odio e violencia contra as propias mulleres). A vida da muller non tiña valor por si mesma: estaba entregada aos seus pais de nena, ao seu marido e sogros de adulta e aos seus fillos de viúva. A muller era considerada como “unha póla inútil dunha árbore”. Sofren violencia machista e un sentimento de autoaceptación como obxecto sexual.

Narra con todo detalle a vendaxe dos pés. Contar cuns preciosos “ lotos dourados” asegura á muller un bo casamento e, polo tanto, unha posición privilexiada. A finalidade desta práctica tan cruel sería a de limitar os movementos da muller e exercer así  un maior control sobre ela.

A necesidade de comunicarse fai que desenvolvan unha escrita : o nu shu, que se converte nun dos  fíos condutores da novela. É unha escritura fonética,  a dos homes é ideográfica. Este código escribíano ou pintábano sobre teas, no caso da nosa protagonista nun abano.

A maior parte do tempo estaban confinadas na “habitación de arriba” onde unicamente podían compartir segredos e risas coas demais mulleres. A comunicación era, as máis das veces, por medio de contos-cancións  co fin de entreterse, ensinar, escorrentar o medo…. Alí estaban no seu reino interior, o feminino, alonxadas do mundo exterior, o dos homes, ao que non podían acceder como se reflicte nun parágrafo do libro cando pregunta ao seu esposo quen eran os taiping: “Unha esposa debe preocuparse dos seus fillos e de facer feliz á súa familia, se volves tan inquieta do teu pobo natal, a próxima vez non che darei permiso para visitar a túa familia”. “Non dixen unha palabra máis do reino exterior”  Fai mención á revolta que se produciu en China baixo o reinado do Emperador Xianfeng ( 8º emperador da dinastía manchú Quing e o 7º emperador en gobernar China entre 1850 e 1861.

 Outro fío condutor da obra é o irmandamento con outra nena que a converte en laotong ( o outro eu, a alma xemelga), vínculo que perdurará toda a vida e vai máis alá das familias das dúas rapazas. Aínda que estean casadas, a súa unión permanecerá ata a morte por iso foi tan traumático o sentimento de traizón da súa laotong  e a dureza da carta de vituperio. A amizade (é só amizade…?) presenta unha importante contención de sentimentos, propio da cultura oriental. Porén, o amor que se profesan fai que abandone todo o seu para coidar á súa laotong no leito de morte.

O irmandamento era a única vía de escape que lles permitía abstraerse da vida cruel e da marxinación que sufrían.

Penso que, neste libro, se mostran moitos valores pero sobre todo o amor, a amizade e a capacidade da adaptación ás condicións adversas

Comentarios desactivados en Club Merlín